Catro edicións de grande éxito, cun entusiasta recoñecemento da prensa especializada e o respaldo do público, preceden esta quinta edición do Festival Via Stellae, a deste especial ano Xacobeo 2010. O centro do festival é de novo Santiago de Compostela como meta do Camiño, pero o Via Stellae aumenta as súas actividades por máis de cincuenta vilas e cidades galegas situadas nas rutas de peregrinación que conducen a Compostela.
Recoñecido como unha referencia a nivel nacional e mesmo europeo, unha das cualidades máis sobranceiras do Via Stellae é a categoría dos intérpretes que enchen o seu atraínte cartel de 125 concertos. Ademais de contar coa estreita colaboración de destacados directores e agrupacións como Marc Minkowski e Les Musiciens du Louvre, Andrea Marcon e a Orquestra Barroca de Venecia, Fabio Biondi e Europa Galante ou a Mahler Chamber Orchestra, este ano únense novas agrupacións e directores da talla de Jordi Savall, Les Talens Lyriques e Christophe Rousset, Les Arts Florissants e William Christie, Odhecaton, Trondheim Soloists, Tugan Sokhiev, o coro Tenebrae, Paul Goodwin, etc. O nome doutros artistas (solistas e cantantes) que visitarán a nosa terra durante o mes de xullo fala por si só do altísimo nivel do festival: Anne Sofie von Otter, Magdalena Kozena, John Mark Ainsley, Viktoria Mullova, Roberta Invernizzi, Verónica Cangemi, Marie-Nicole Lemieux, Antoine Tamestit, Simone Kermes, Ann Hallenberg, Michael Chance, Romina Basso, Mark Padmore… en moitos casos na súa primeira actuación en Galicia.
A espiritualidade do Camiño transcenderá ás citas musicais do Via Stellae dende o concerto inaugural, no que se estrea en Galicia a obra coral The path of miracles (O camiño dos milagres) de Joby Talbot, e abundan os programas inspirados no Camiño e no seu contorno musical. Moitos dos programas que ofrece o Via Stellae son concertos únicos en España ou preparados en exclusiva para un festival que pretende dar un paso adiante neste 2010 con concertos e espectáculos singulares –algúns certamente innovadores– nos que se misturan os máis diversos xéneros musicais, artistas de moi distinto perfil e variada procedencia, diferentes disciplinas artísticas… e con frecuencia celebrados en espazos inusuais: no ciclo OFF Stellae propoñemos, entre outras cousas, sesións golfas con música ata medianoite nun mercado, un especial encontro de dous xenios musicais como Jordi Savall e Carlos Núñez, a combinación de música popular arxentina e barroca, cancións de cine, un cabaré con certo aire barroco, música cretense e oriental, e mesmo un concerto na compostelá Praza dos Bombeiros con música celta e de Vivaldi ou, como novidade absoluta, unha sesión discoteca con cantantes de ópera, unha orquestra barroca e dous DJs nun espectáculo ideado para os máis novos e un público sen prexuízos.
A riqueza e variedade da programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos: durante o Via Stellae 2010 terán lugar a estrea en Galicia da ópera Agrippina de Haendel (en produción propia do festival dirixida por Davide Livermore) ademais de, en versión de concerto, unha ópera emblemática de Vivaldi (Orlando Furioso) e dúas óperas-ballet de Rameau (nunha dobre sesión con William Christie no Auditorio de Galicia). Pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais, prestando unha atención moi especial á música contemporánea e a creación actual, especialmente aos compositores galegos. Ata nove estreas mundiais de obras de cámara inclúe o ciclo Via Stellae 20/21, que este ano espalla os seus concertos por Vigo, A Coruña, Vilagarcía, Pontevedra, Betanzos, Ferrol e Santiago e dedica programas especiais aos autores galegos Eduardo Soutullo, Jorge Berdullas del Río, Octavio Vázquez e o recentemente desaparecido Carlos López García-Picos.
O Via Stellae abre tamén novas canles de colaboración na produción das súas propostas e así, este ano estrea, en colaboración co histórico Centro de Música Barroca de Versalles, o espectáculo de mimo, danza e maxia, baseado nas óperas de Grêtry, A bela e a besta. Ao tempo que ven a luz os magníficos rexistros realizados durante o Via Stellae do 2009, as gravacións discográficas desta edición terán como protagonistas aos grupos galegos Resonet e Ars Atlántica, que dirixen respectivamente Fernando Reyes e Manuel Vilas.
Ademais dos ditos Via Stellae 20/21 (ciclo dedicado á música contemporánea, os clásicos do século XX, as vangardas e os compositores galegos) e o OFF Stellae (unha alternativa na programación, en contidos musicais, en visión artística, en espazos...), o Via Stellae 2010 continúa con iniciativas que tiveron unha excelente acollida en edicións previas como os Concertos Express (breves sesións de 30 minutos de música en claustros e igrexas de Compostela) e Música e Arte (tardes con concertos e visitas guiadas a espazos singulares que este ano inclúen o magnífico marco do Mosteiro de Samos, unha sesión dedicada ás igrexas de Tui e dous seráns nun museo, o Marco de Vigo). Froito da preocupación pola formación e o futuro, este ano nace a Academia Contemporánea Via Stellae, cunha interesante fórmula en forma de curso impartido e dirixido por docentes de contrastada solvencia que remata coa práctica e a experiencia para os alumnos de interpretar en directo, en catro concertos, unha obra emblemática do século XX, A historia do soldado de Stravinski.
Se xa coñece este festival, seguro que podemos contar un ano máis coa súa compañía, pero se aínda non tivo a oportunidade, só ten que deixarse levar pola maxia da música e da arte no Via Stellae 2010: cos oídos e os ollos ben abertos non faltarán as oportunidades para vivir enriquecedoras experiencias musicais, culturais, artísticas e vitais, entre tanta e tan boa música.
D. Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo